ART 3º ESO

lunes, 27 de mayo de 2013

Ciberacoso











                                                                         1. Que é o Ciberacoso, e en que formas se manifesta

A presencia da internet no mundo escolar, relacionada co aumento do uso das novas tecnoloxías da comunicación, é imparable, o mesmo que noutros moitos campos. As vantaxes destes medios son evidentes, pero tamén poden presentar inconvenientes, e no caso que nos ocupa, certos riscos.
O Ciberacoso ou Ciberbullying é o uso das redes sociais, correo electrónico, blogs e outros ámbitos da internet en perxuízo dunha ou máis persoas, ou da súa imaxe pública. Se comparamos isto con casos típicos de acoso escolar veremos que, por unha parte, o ciberacoso non supón agresións físicas, pero por outra ten moito máis alcance tanto na difusión espacial como na temporal, cunha continuidade que pode ser permanente, e non limitada ao horario escolar.
Para combatir este fenómeno e conseguir como docentes que as novas tecnoloxías sexan sempre unha fonte de experiencias positivas para o noso alumnado, debemos coñecer a tipoloxía dos perigos que conleva a rede, a sintomatoloxía que nos axudará a detectar os problemas, as boas prácticas que axudan a previr estas situacións e a maneira de buscar solucións.
Normalmente distínguense tres tipos de perigos aos que están expostas as persoas con internet: perigos persoais, acceso a contidos inapropriados e adicción. O ciberacoso entra no primeiro tipo. As súas formas habituais son:

- Ameazas e intimidación
- Seguemento persistente
- Humillacións, insultos e difamacións
- Exclusión, boicot
- Roubo da identidade e suplantación
- Difusión de datos e imaxes persoais
- Manipulación
2. Medidas preventivas e boas prácticas

Sempre é mellor previr que remediar. Como docentes, debemos estar atentos á maneira en como utilizamos e utilizan os alumnos os medios informáticos, e ter claro como obrar nós mesmos, como guiar ao alumnado e como aconsellar ás familias. Diferenciamos polo tanto as boas prácticas para o profesorado e centro docente, para o alumnado e para os pais.
Profesorado e centro:
  • Coñecer o funcionamento da web, en especial as redes sociais, para dominar o medio e poder aconsellar a alumnos e familiares.
  • Aplicar medidas de seguridade nos equipos informáticos escolares (controlar o software instalado, as contas de usuario, o almacenamento de documentos, quen utiliza os equipos en cada hora, etc.)
  • Establecer normas de uso dos equipos na aula (definir que poden e que non poden facer os alumnos, como deben organizar o seu material, respetar o material doutros alumnos, onde poden ou non poden acceder, etc.)
  • Sistemas de control e filtrado (facer revisións periódicas, monitorizar os equipos dos alumnos mentras traballan –co seu coñecemento-, filtrar e bloquear páxinas, contidos ou programas non desexados, etc.)
  • Uso didáctico e controlado das redes en sentido positivo, como actividade, incluíndo as boas prácticas, a seguridade e a prevención como contidos.
  • Detección de problemas: documentarse sobre a sintomatoloxía dos problemas e estar atento a calquera indicio de ciberacoso ou malas prácticas.
    Evidentemente, en aulas que son utilizadas por varios grupos de alumnos, debe haber unha boa coordinación entre o profesorado en canto a normas e medidas.
2. Medidas preventivas e boas prácticas

Alumnado:
  • Aconsellar que controlen a súa identificación e a circulación dos seus datos persoais (alias, ingreso en grupos, etc). Resulta o máis importante como prevención. En concreto, algunhas recomendacións habituais son: 
    - Non crear contas en foros e redes sociais cos datos persoais, senón utilizando alias. Comunicar a propia identidade de forma privada só a aqueles outros membros cos que hai confianza e interesa que nos identifiquen.
    - Non establecer citas u otras actividades presenciais con persoas que non coñecesen antes persoalmente, isto é, fóra da rede.
    - Non comunicar o domicilio, datos de contacto, datos bancarios, etc. Nin tampouco datos persoais de terceiras persoas.
    - Sondear periódicamente a rede mediante un buscador, para saber se os seus datos persoais ou imaxes figuran nalgunha web.

  • Consellos para non acosar: aproveitar o noso papel como docentes para conciencialos de que a web non é o lugar apropiado para resolver diferencias con outras persoas, e que a emisión de mensaxes hostís remata sendo perxudicial para todos. Promover o respeto e a prudencia.
  • Consellos para non ser acosado: ser prudente e respetuoso ao empregar a web para comunicarse cos demáis. Moitas veces os conflitos comezan por malentendidos ou comentarios inoportunos. Non expoñerse excesivamente aos comentarios dos demáis contando cousas persoais. Pedir axuda inmediatamente a familiares e profesores ante as primeiras evidencias de acoso.

  • Consellos para non tolerar o acoso: mentalizarse de que o acoso é un problema de todos, e non admitir que outros teñan actitudes negativas ou exercan presión sobre terceiras persoas. Mostrarse conciliador e denunciar sen demora calquera caso de acoso do que se teña coñecemento.
2. Medidas preventivas e boas prácticas

Pais e familiares:
  • Adecuar as medidas de seguridade e control á vulnerabilidade dos fillos, dándolles máis autonomía a cambio de responsabilidade segundo se fagan máis maduros.

  • Aceitar a internet como un instrumento, que pode resultar beneficioso se se utiliza ben. Non botarlle a culpa de todos os males ante calquera desacordo cos fillos.
  • Tratar de non exercer de policías, senón de conseguir que os fillos acepten como natural certo grao de control. O mellor é que acorden conxuntamente unha serie de condicións para o uso da web (horario, tipo de contidos), tanto mediante os ordenadores como os móbiles.

  • Se fose posible, promover que o alumno non manexe o ordenador pechado na súa habitación, senón en presencia doutros familiares. Evitar forzalo a que nos permita ver a pantalla, é moito máis efectivo ter confianza para preguntarlle con quen se comunica e que nos conte de forma natural que é o que fai na rede. O ideal é darlle apoio, implicarse nos seus proxectos, ou mesmo facerse membro das mesmas redes sociais.

  • Estar atentos a calquera síntoma de desacougo, cambios de humor repentinos, etc, sobre todo se coinciden cos accesos á web.

  • Sondear periódicamente a rede mediante un buscador, para detectar imaxes, datos persoais ou comunicacións dos fillos.
Resulta moi beneficioso manter un contacto profesorado-familia, para comunicarse calquera síntoma de acoso que se detecte, e tomar medidas canto antes.
3. Referencias legais e enlaces de interese

Consellos e referencias legais básicas:
http://www.internetsinacoso.com/index.php
Liña de axuda contra o acoso escolar
http://www.acosoescolar.info/index.htm
Plan contra o ciberacoso escolar (Xunta de Castela-León)
http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/ciberacoso/tkMain
Boas prácticas (enfocado a empresas e comercio en liña)
http://www.mujeresconsejeras.com/guia-buenas-practicas-redes-sociales/2011/06/27/

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.