Á volta da Semana Santa, tes unha cita co talento dixital no Interplay
A quinta edición do Carballo Interplay ofrece, do mércores 4 ao sábado 7 de abril, toda unha panorámica da innovación na rede. Faino coa súa Sección Oficial de webseries e cun programa de actividades que toca todos os paos: encontros, obradoiros, concertos, debates ou vídeo conferencias nas que aprender e divertirse arredor dos contidos para internet. A continuación tes algunhas das claves do que alí sucederá, pero podes explorar TODO o Interplay aquí.
1. Destaparemos as claves do mundo millennial Se é que iso é posible, claro. Pero tentarémolo de varias maneiras: primeiro, cunha selección de figuras clave da cultura online máis novidosa como a guionista e comediante oleirense Percebes y Grelos (colaboradora habitual de VodafoneYu ou Los 40), a youtuber e cómica Abi Power(ultimamente centrada no formato "Señoras Fetén" e con máis de 400.000 suscriptores na súa canle), ou a inclasificable Perra de Satán (escritora, personaxe de Fotolog, fan de Quim Gutiérrez). Pero tamén cun debate entre profesionais dalgúns dos medios máis exitosos entre o público millennial como Tentaciones, VICE, Playground ou YASSS. E abordando a construción da identidade en internet. E incluso traendo a docentes de secundaria que tentan adaptarse ás ferramentas do seu alumnado! 2. Descubriremos por que triunfou Operación Triunfo cando ninguén daba un peso Ou bueno, quizais non cheguemos a tanto aquí tampouco. Pero contaremos con Belena Gaynor e Percebes y Grelos para explicarnos a súa labor na estratexia de redes de OT 2017. Pasaron de pedir nas súas canles o retorno daquel formato da súa infancia a colaborar no seu éxito entre o público máis novo cando ninguén o esperaba. 3. Homenaxearemos ás mulleres clave no desenvolvemento da tecnoloxía e o audiovisual Non todo vai ser mirar cara ao futuro: tanto na imaxe gráfica do Interplay (obra de Isa Vila) como na gala de clausura (que presentará Akira Valeroco título Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible?) reivindicaremos a figura de mulleres sen as que o mundo non sería tal como o coñecemos: Hedy Lamarr (precursora da tecnoloxía móbil, GPS e wifi), Ada Lovelace (matemática e escritora británica), Alice Guy (primeira persoa en dirixir un filme de ficción), Ángela Ruiz Robles (inventora do e-book), Delia Derbyshire (pioneira da música electrónica), Margaret Hamilton (científica computacional, matemática e enxeñeira), Radia Perlman (percursora de internet), Mary Allen Wilkes (enxeñeira programadora), Susan Kare(pioneira no deseño de interfaces de usuario) e Agnès Varda (cineasta cunha carreira dende a Nouvelle Vague ata a autoficción dixital). 4. Carballo será o punto de encontro para os profesionais do ámbito dixital Por primeiro ano, o festival terá un DÍA PRO: un espazo profesional pensado para debater e conectar a talentos creativos dixitais coas produtoras e medios que apostan polos contidos máis innovadores. Estarán presentes directivos e directivas de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD(Mediaset), CRTVG, Vice, Globomedia, 2btube, Hitsbook ou Infomix. 5. Atenderemos aos usos educativos da tecnoloxía Pensabas que Internet só serve para iso da procastinación? O programa do Interplay demostra o contrario! Abordaremos o desenvolvemento de experiencias audiovisuais nos métodos de aprendizaxe de tres institutos galegos con Ana Moreiras, Manolo González e Luis Pérez, ao tempo que NoLegalTech nos darán unha "pequena guía de supervivencia para adolescentes con móbil". Teremos ás persoas responsables dos fabulosos vídeos de PlayGround impartindo un taller sobre a elaboración de vídeos virais sen eludir os temas que requiren complexidade, e o proxecto Vermislab ofrecerá dous obradoiros para crianzas: un de electrónica e música e outro de biotecnoloxía. 6. Carlo Padial reventaranos a cabeza con Guasa & Melanco O escritor, director, guionista e colaborador de Late Motiv segue afondando na súa exploración conxunta do humor e a incomodidade. Ao mesmo tempo. En consecuencia, promete ser a MELLOR e a PEOR noite da túa vida. Ao mesmo tempo. 7. Carlangas desmontará o mito do turismo Este ano coñeceremos o Código Fonte Audiovisual da voz e guitarra de Novedades Carminha: un formato entre a conferencia e proxección no que o noso convidado percorre un tema ilustrándoo con fragmentos de películas, extractos da televisión ou vídeos de Youtube. O de Carlangas titúlase Antes todo isto era mambo e parte da premisa do turismo como gran timo do século: "pasar polos sitios sen que os sitios pasen por ti". 8. Pero recuperaremos o ¿mito? da Santa Compaña coa gran estrea de El punto frío A nova serie dixital de PlayZ é unha ficción de misterio e terror que recupera a lenda galega. Nela, un rapaz obsesionado co paranormal chega a un pobo de Galicia convencido de que vai pasar algo misterioso. Nos montes aparece un morto: é un home desaparecido 30 anos antes pero o seu corpo está exactamente igual que a última vez que o viron... A gran estrea desta nova serie será no Carballo Interplay, coa presenza de David Solans, Celso Parada, Camila Bossa, Toni Salgado e o resto do equipo. 9. E volveremos á vila coa de Hai vida en Bran? Nesta webserie (que dirixe, escribe e protagoniza Ángela Andrada), unha moza licenciada en Belas Artes volve á casa da súa nai na aburrida vila de Bran logo de fracasar no mundo artístico da cidade. Frustrada e inadaptada nunha realidade sen cabida para o Glam Rock do seu idolatrado Bowie, a única vía de escape que lle queda é a da propia imaxinación. Hai vida en Bran? gañou o ano pasado o Premio a proxecto do Carballo Interplay, que este ano ten como finalistas Sígueme, Áureas, unha historia dos anos 20, Premios Darwin e Cativos na cociña. Podes saber máis delas, aquí. 10. Proxeccións, radio, concertos, conversas, vermú, festa e esas cousas, todo do mellor! Se pasas por Carballo poderás ver unha selección de 42 das mellores webseries do mundo mundial, bailar en concertos e pinchadas, asistir á emisión en directo de Ojo Cuidao, con Víctor Grande, Pedro Brandariz e compañía... Terás que esforzarte moito para non coñecer proxectos e xente interesante, para non escachar a rir e para non volver á casa coa cabeza chea de ideas gamberras. E, coma sempre, todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo, menos a formación. Vémonos en Carballo! |
ART 3º ESO
▼
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.